Xa están aquí os Roteiros de Primavera deste ano. Nesta nova etapa desexamos voltar á normalidade! 🙂
Roteiros
Domingo 8 de maio: A Torre de Teodomiro. O achado dos restos deste Ben de Interese Cultural polo arqueólogo Antón Malde en 2021 volta poñer de relevo o Monte do Gato como lugar a preservar. Malde acompáñanos nun novo percurso por este espazo, no que estudaremos renovados datos sobre a nosa Idade Media. Anotarse aquí: A Torre de Teodomiro – Roxín Roxal (roxinroxal.gal)
Domingo 22 de maio: Segredos de Labrada. As excepcionais pinturas murais da igrexa de Santa María de Labrada (séc. XV, ver ilustración da dereita) son un dos segredos que esconde este percurso por terras de Guitiriz. Guía e comenta a arqueóloga local Branca Villar.
Sábado 4 de xuño: As desterradas de Albeos. A comezos do século XVI un grupo de monxas mantivo unha singular pelexa contra os poderes do seu tempo. Carme Varela, autora da peza teatral As desterradas e membro de O Sorriso de Daniel, guiaranos nesta rota por Albeos (Crecente) e a veciña localidade minhota de Melgaço.
Domingo 19 de xuño: Moraime e as Torres do Allo. Outras pinturas murais recentemente descubertas, as de San Xiao de Moraime (Muxía), serven de escenario para este percurso. Visitaremos tamén as Torres do Allo (Zas), solar dos Riobóo e “primeiro pazo galego da Historia”, no que o grupo de teatro Os Quinquilláns e o Concello de Zas nos oferecerán unha guía dramatizada.
Acto en liña
Venres 29 de abril: A Torre de Teodomiro e o Monte do Gato. Antes do roteiro do 8 de maio, Antón Malde e Aranza González interveñen nesta conversa sobre a vital importancia histórica e natural do Monte do Gato, e a necesidade de preservalo.