ROXIN ROXAL, A LENDA

Roxín, Tareixa e o porco bravo

Na terra dos Andrade

Don Nuno Freire de Andrade, señor de Pontedeume, tiña unha filla fermosa e inqueda chamada Tareixa. Tiña tamén ao seu servizo un doncel lanzal de corpo, ledo, loiro e sorrinte ao que chamaban Roxín Roxal.

En tan boa estima o tiña don Nuno que certa vez regaloulle o seu puñal de prata.
– Defende con el os teus señores
– Así o farei.

Mais quixo o destino que entre Tareixa e o doncel nacese, como sen querer, un amor imposíbel. Don Nuno, ao sabelo, perdeu o siso:

– Ou casas con don Henrique Osorio, nobre coma ti, ou Roxín Roxal perderá a vida.

Tareixa casou con don Henrique, e Roxín Roxal pasaba día e noite comesto de melancolía.
Un serán de outono don Nuno sorprendeuno a ollar languidamente para a xanela pechada da cámara nupcial da forzada parella.

– Marcha das miñas terras, Roxín Roxal.

Don Henrique non sabia que facer para gañar a admiración da súa esposa. Un día, contra o que era costume, convidouna a presenciar a cacería dun porco bravo que estragaba as colleitas dos campesiños da comarca. A partida chegou até a beira do Lambre. Alí aparece o porco bravo.
Ameaza, gruñe, regaña os dentes aos cazadores. Henrique Osorio colle o arco e apunta. A frecha voa, e fire o porco no lombo. Non o mata; faille ferver o sangue. A fera abalánzase sobre dona Tareixa e fírea de morte. Don Henrique, o covarde, foxe espavorecido guindándose da ponte embaixo, mentres o porco bravo esnaquiza a súa dona.

A traxedia contouse darredor de todas as lareiras. Non había ninguén que non soubese da dureza de corazón do pai, da covardía do xenro, do amor infinito do doncel.
E dalí a uns días, de mañá, un vulto negro apareceu no medio da ponte. Moita xente achegouse. Era o porco bravo, morto. No pescozo ensanguentado estaba cravada até a empuñadura a daga de prata que don Nuno lle regalara, aquel día, a Roxín Roxal.

Desde entón aquel lugar coñécese polo nome da Ponte do Porco.

Voces
Narradora: Rocío Tenreiro
Roxín Roxal: Román M. Placer
Don Nuno: Brais Rey
Rocío, Román e Brais son actores do grupo DameCuerdaQueTeatro.

Música
· Par Deus cuitada vivo. Pedro Gonçalves de Portocarreiro. Grupo Universitario de Cámara de Santiago de Compostela.
· Le mariage anglais. Malicorne.
· Os Irmandiños: Introdución. A Quenlla
· Os Irmandiños: Canción do contraataque dos nobres. Manuel María. A Quenlla.


X