“Un paciente que ía ser operado no Hospital Nosa Señora de Fátima [Vigo] pediu que o consentimento informado que tiña que asinar estivese no seu idioma. O hospital é privado, mais ten un convenio co SERGAS.
A resposta que recibiu o doente foi que non tiñan o documento en galego nin tiñan por que telo. Total, nin que o hospital estivese en Galiza! Total, nin que reciban montes e moreas de diñeiro público do Goberno galego! Por que ían ter eles que garantir os dereitos para uns cidadáns de segunda, cuxo idioma non merece figurar en ningures?
O home afectado pola discriminación, cunha actitude exemplar para todas e todos nós, mantívose firme na súa exixencia. Como non ía ao rego, desde o Hospital chegaron a ameazalo con que se continuaba coa súa petición de asinar un documento en galego non o operarían.” (Do blogue de C. Callón en www.carloscallon.com, 21 de xaneiro de 2012).
Non se trata da crónica dun suceso acontecido hai décadas, senón hai días. Os casos de discriminación lingüística que suceden a diario en Galiza, os que saen nos medios e os que non, poñen en serio perigo a esencia democrática do sistema.
Dereitos humanos en cuestión aquí e agora? No seu libro Carlos Callón oferécenos unha vía útil, cidadá e participativa para saírmos desta anacrónica situación. Unha guía rápida de conduta para vivir —e para salvar!— o idioma de Galiza.