UNHA REPRESENTACIÓN DAS MÁIS DE 700 ENTIDADES SOCIAIS QUE CONFORMAN QUEREMOS GALEGO TRASLADA A SÚA SATISFACIÓN POLA RESOLUCIÓN DO TSXG E CHAMA A PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN NACIONAL DO DOMINGO 27
O TSXG ditamina que os principios fundamentais do decreto sobre as linguas imposto polo PP no ensino son ilegais xa que logo cómpre a súa derrogación sen dilatar
Ferrol, 19.01.2012.- Unha representación de entidades sociais que conforman esta plataforma cidadá (ADEGA, A Mesa pola Normalización Lingüística, A Revolta de Trasancos, Ateneo Ferrolán, BNG, CIG, IU, Medulio, STEG..) esixe do PP que remate coa súas iniciativas contra o galego e facilite a convivencia na Galiza.
Esta plataforma impulsa unha outra manifestación masiva para evidenciar que a maioría da sociedade, tanto galegofalante como castelanfalante, defende a lingua propia de Galiza e rexeita que o alumnado salga do ensino sen competencia nela.
No estado español a xa coñecida como “lei da wertgoña” entre outras arbitrariedades impón un conflito a un ensino catalán construído desde o consenso da sociedade catalá e amosando uns resultados mellores ca media do Estado. Na Galiza o “decretazo contra o galego” acadou que o 96% do ensino infantil das cidades sexa exclusivamente en castelán pola aplicación desta norma imposta contra case que toda a sociedade galega e especialmente todo o entorno educativo. En Ferrol asistimos perplexos á ocultación do Consello Sectorial da Lingua. A opinión da sociedade de Ferrol fica amordazada pola reiterada negativa desde hai máis dun ano a convocar un CSL que obrigatoriamente ten que se convocar trimestralmente. Todo isto amosa as intencións do PP, a súa obsesión por que o castelán sexa a única lingua visíbel no estado español.
A estratexia do PP de recorrer a sentencia contraria ao decretazo contra o galego ten a intención de manter vixentes, todo o tempo posíbel, aspectos que o propio TSXG considera ilegais: consulta aos pais e nais no ensino infantil e que alumnado poda obviar o galego nas materias impartidas nesta lingua.
Pódese consultar a sentenza na ligazón:
http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Sentenza+Decretazo+contra+o+galego
Hoxe chamamos a participar na manifestación nacional do vindeiro domingo 27 a galegofalantes e castelanfalantes reclamando da Xunta de Galiza que exerza as súas funcións con sentido común e que traballe no camiño do consenso e da normalización do noso idioma.
Haberá buses desde distintos puntos da comarca. Pódense consultar en www.queremosgalego.org
Avenida de Lugo 2A, entresollado A,
15702-Santiago de Compostela
queremosgalego@queremosgalego.org