Saúde e océano !
HISTORIAS DA CIDADE-BARCO
A Coruña, capital do mar.
Cando lle preguntaron Staffan Mörling por que viñera a vivir a esta fin da Terra, o erudito sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar.
Unha declaración que se vira especialmente propia cando falamos da Coruña. A cidade naceu baixo o abeiro do faro do antigo camiño cara Britania. Hoxe esta rocha chantada no Atlántico segue afirmar o seu futuro nun mar polo que circula a ruta oceánica máis importante do planeta.
Todos os grandes mitos mareiros recalaron na nosa ribeira. Esta é á fin do mundo -Torre de Hércules- para a tradición greco-latina. Mais tamén Torre de Breogán na vellas lendas da conquista de Irlanda. Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo.
A Coruña naceu do mar. Sen embargo a maioría dos seus habitantes actuamos como terrícolas, sen coñecer tan sequera os nomes das pedras da ribeira. Por iso, principiaremos o obradoiro pola descuberta dese tesouro toponímico: o Xogadorio, o Gueivouteiro, a Rabaleira, o Grelle, o Xanrei…nomes das rochas percebeiras do pé da Torre. Mais tamén a eufonía dos caladoiros que rodean á cidade: Carpancho, Abarracidos, Acentes, Tousas de Leste, Tousas de Vendaval.
Non Coñece A Coruña quen só coñece A Coruña. Mares de Terranova, augas do Gran Sol, dicídeme vós o que A Coruña é !
Wenceslao Fernández Flórez definiuna como a Cidade-Barco. O Padre Rubinos no Poema da Cruña, Moterroso Devesa en Nau Enfeitizada, ou Luísa Villalta no seu libro En Concreto, acudiron tamén a esa mesma imaxe.
É tempo pois de embarcar nas palabras, e converter tantas mareas en literatura. A Torre vai na proa, que a emoción e a creatividade sexan o impulso de moitas novas singraduras da Cidade-Barco.