Comezaremos o sábado 6 de maio cun percurso polo lugar do Freixo (Regueira, Oza – Cesuras). Actividade de tarde e noite na que, en colaboración coas Brigadas da Paisaxe, o paisaxista Bruno Prada e outros veciños e veciñas da zona, percorreremos a braña da Boquela, un campo de mámoas e unha mina de auga con pozo que contén especies vexetais protexidas. Ao anoitecer, despois de merendar na Casa do Pobo do Freixo, visitaremos os petróglifos do Monte das Penas, recentemente interpretados polo arqueólogo Antón Malde, quen guiará o percurso. Prazo de inscrición até 3 de maio nesta mesma páxina web.
O segundo dos roteiros será o domingo 21 de maio. Os recentes descubrimentos arqueolóxicos no Val do Frade (Vilachá de Salvadur, Ribeira Sacra) serven de motivo para camiñar de novo por esta parroquia do concello da Pobra do Brollón, neste roteiro de mañá e tarde. Coas explicacións do arqueólogo e técnico de cultura Xosé Gago, visitaremos tamén a adega Val do Frade e xantaremos nun furancho da localidade. Prazo de inscrición nesta páxina a partir do 6 de maio.
O terceiro dos roteiros será na Rota do Românico. Por fin. despois da pandemia, podemos achegarnos até os concellos desta Rota (zona de Lousada, Amarante, Penafiel, Marco de Canaveses, na área do Porto). Descubriremos algúns dos seus peculiares monumentos, como son os mosteiros de Pombeiro, Travanca ou Mancelos, así como outros lugares de interese da zona. Noite en Amarante. Máis información nas próximas semanas nas canles habituais (páxina web, Facebook, Telegram…).