Xa temos nas nosas mans o libro Recordos daquel pasado, no que Francisco Pico Pena -Paco da Picota, veciño da parroquia padernense de Vigo- nos conta como era a vida durante os anos 50, 60 e 70. O traballo de Paco, que Roxín Roxal apoia e difunde, é un coidado relato etnográfico narrado en primeira persoa, que nos abre unha ventá a un pasado descoñecido para as novas xeracións. O libro, imprescindíbel para afondar nos xeitos de vida da xente máis veterana, venderase ao prezo de 15 euros.
Escribe o prólogo Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa 2021 polo seu libro Virtudes (e misterios). Xunto a Alfredo Conde, Manuel Rivas e Suso de Toro, Xesús Fraga é un dos catro escritores galegos que ostenta este galardón.
Xesús Fraga e Francisco Pico –xunto con Nuria Pico Manivesa, neta de Paco e responsábel da edición- serán entrevistados en streaming o próximo martes 27 de setembro a través das canles ACLP Roxín Roxal en YouTube e Facebook. O venres 14 de outubro eles e ela participarán na presentación do libro que se fará en Betanzos, organizada pola ACLP Roxín Roxal.
Contaremos coa presenza e as palabras de Francisco Pico no comezo do próximo roteiro de RR, de Vigo a Sas, o próximo sábado 24. Contamos convosco!