Foi unha honra e un pracer termos o 29 de marzo de 2019 connosco a Camilo Nogueira na presentación do libro Unha nación no mundo. A razón resistente (1480 – 2010).
O acto discorreu no Restaurante A Cabana, en Fiobre (Bergondo). Presentouno o xornalista Tucho Calvo e abriuno Alicia López Pardo.
O noso amigo Manuel Pérez Arias, asistente á presentación, escribiu unha acaída crónica do acto na súa páxina de Facebook:
“De entre as moitas cousas interesantes coas que nos agasalhou aos presentes, comparto con vos unha sua anécdota que convida ao optimismo e a reflexión: ‘Desde a fiestra da minha casa podo constatar como o bosque autóctono se está a comer un eucaliptal que está ao seu carón. Se non se chantan eucaliptos, se non se plantan especies invasoras, o que medra son especies propias do país. Iso tamén podémolo trasladar a mais eidos que o forestal'”.
Antes da presentación Camilo Nogueira pasou polo noso estudio de radio. Alí mantivemos con el unha entrevista para emitir no noso programa en Radio Filispim 93.9 FM.