Da man de Antón Malde percorremos novamente as paraxes da Costa Doce de Sada e finalizamos o percurso no Museo Carlos Maside, onde se expoñen obras clave da arte moderna galega.
Manifesto
A Asociación Cultural Roxín Roxal, integrada na Rede Patrimonio Cultural, atendendo aos seus fins principais, que segundo os seus estatutos se resumen na defensa do patrimonio cultural galego, quere poñer de manifesto o seguinte:
Na visita cultural feita ao Museo Carlos Maside, en setembro de 2018, causounos unha grande preocupación o estado de abandono das instalacións, que pode pór en risco a correcta conservación dalgunhas das obras alí gardadas. O Museo Carlos Maside é parte indispensable do proxecto de renovación artística e cultural da Galiza do século XX trala Guerra Civil. Non podemos entender a Galiza contemporánea sen o legado depositado no Museo Carlos Maside. Aí está a visión renovadora e vangardista dos artistas e intelectuais que cimentaron a creación cultural da Galiza de hoxe. Unha colección na que hai relevantes fondos de Castelao, Maside, Seoane ou Díaz Pardo, entre moitos outros, nun emblemático edificio que é parte indiscutible do proxecto. Permitir o desmantelamento, a precariedade, a morte dun centro cultural como este supón esquecer e facer desaparecer todo o que cimentou a cultura e a identidade galega que deu lugar á recuperación das institucións de autogoberno, así como renunciar ás páxinas máis brillantes da cultura e arte galegas do século XX.
Sabemos que en marzo do ano 2018 a Xunta fixo o anuncio de que iniciaba os estudos previos para proceder a incoación da declaración de Ben de Interese Cultural. Dende Roxin Roxal, procuramos información na Dirección Xeral de Patrimonio sobre a situación actual do mencionado trámite, mais ninguén soubo darnos novas.
Neste ano 2019, o Día das Artes Galegas adícase a Luis Seoane. Cómpre pola nosa parte, lembrar unha frase súa: “En pintura non abra a boca antes de abrir os ollos”. A Asociación Roxin Roxal abriu os ollos para celebrar a súa obra e ante a preocupante situación, co apoio das entidades adheridas á Rede do Patrimonio, non podemos deixar de abrir a boca para dar voz a unhas demandas que consideramos necesarias e urxentes.
Por iso expresamos a nosa inquedanza á sociedade galega e facemos un chamamento para que os trámites pertinentes da incoación cheguen ao porto que poña salvagarda non só a obra de Luis Seoane, o noso homenaxeado de hoxe, senón de todo o Museo Maside, patrimonio de todas as galegas e galegos.