Pasado e futuro no rural.
Unha camiñada de carácter patrimonial, paisaxístico, etnográfico e revitalizador do medio rural que, inclúe o encontro tanto coas persoas que interpretan o pasado como coas que protagonizan iniciativas de futuro neste concello da Galiza rural, situado entre a mariña e o interior.
Na primeira parte do percurso visitamos a mámoa de Porto dos Carros, recentemente danada por unha corta de eucaliptos. Alberto Fernández, do Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos, guiounos neste treito.
Os actores Cristina Fraga e Román Martínez Placer, do grupo de teatro eumés DameCuerdaQueTeatro representaron unha dramatización no lugar da mámoa.
No lugar de Donín visitamos a explotación de Orballo, empresa dedicada á elaboración de infusións. En Samede tivemos un encontro cos responsábeis das adegas Beade, produtoras de viño branco lexítimo, e da empresa Queixos Cagiao, de produtos lácteos.
En Samede tivemos tamén a oportunidade de departir con Emi Cagio, impulsora e revitalizadora do Entroido de Samede.
Antes de chegarmos á igrexa de Santiago de Adragonte, onde ramataba o percurso, apareceunos no camiño o mesmísimo Roxín Roxal, que por aqueles bosques andaba na procura do porco bravo que días antes matara a súa amada Tareixa.
Pola tarde fomos á sede do Consello de Maiores, na casa da súa presidenta, dona Mercedes Cachaza, onde tivemos un encontro con produtores e industriais do concello, entre eles os propietarios da Casa de Sixto, establecemento de turismo rural na aldea de Sas.
Esta é crónica do roteiro, con narración e entrevistas, no programa de RR en Radio Filispim 93.9 FM.