Coa guía de Marcos Abalde queremos lembrar este crucial acontecemento localizado na Ulloa, comarca dramaticamente ameazada polos plans da construción da mecrocelulosa de Altri.
É o ano de 1371 e dous exércitos alíñanse enfrontados no campo de batalla de Porto de Bois (A Ulloa). Dun lado, os defensores do usurpador Enrique II, as forzas franco-castelás que loitan xunto a un exército de experimentados mercenarios. Da outra banda agardan as tropas galegas de Fernando de Castro, defensoras no seu día do lexítimo rei Pedro o Xusticeiro, asasinado dous anos antes en Montiel a mans do agora rei Enrique, o falso Trastámara. Galiza está en rebeldía.
Unha visión histórica reducionista presentounos até agora o conflito como xurdido dun inocuo xogo de vasalaxes medieval. Investigacións recentes como a de Francisco Rodríguez (2022), desvelan as causas políticas do enfrontamento. O nacente poder expansionista castelán, co apoio da coalición ultraconservadora da época (o Papa de Aviñón, os reis de Francia e de Aragón, as Compañías Brancas do mercenario bretón Bertrand du Guesclin) pretende tomar unha Galiza rebelde e atlantista, puntual aliada de Portugal no soño da reconstrución do antigo Reino.
A alianza nacional-popular entre a nobreza e a burguesía galegas presenta batalla durante anos. A fatal derrota de Porto de Bois será un doloroso punto de inflexión que marcará para sempre a nosa deriva. O Portugal de João I correrá mellor sorte, poucos anos despois. Na batalla de Aljubarrota, saldada coa derrota castelá, vaise asegurar a independencia do noso alter ego, o país luso.
Quixo o destino que agora e no mesmo campo de batalla do centro xeográfico da Galiza se aliñen simbolicamente outros dous exércitos enfrontados, cargados de razóns contrarias que han definir para un ou outro lado a Galiza de mañá. A macrocelulosa Altri aparece hoxe no horizonte da Ulloa! Do seu lado, ármase o capital transnacional rebotado de Portugal que, prometendo incertas prosperidades, perpetuará a eucaliptización do Reino e lixará perigosamente as terras, as augas e o ar desde o corazón da nosa terra até o fondo das nosas rías.
Da outra banda parapétase a sociedade máis consciente da Galiza, a que aprendeu a golpes de celulosas, de eólicos, de Prestiges e de Casóns que no grande deseño da macroeconomía universal a terra que amamos está destinada a xogar o papel de zona de sacrificio. É a Galiza que se quere e que quere un futuro limpo, próspero e sobre todo propio, a que se sitúa deste lado. De momento, os exércitos avalían os seus potenciais e ensinan as súas armas ao contrario. A nova batalla de Porto de Bois está próxima.
Saída do autocarro ás 9h00 de Betanzos (Zona polideportivo). Camiñada de 9 km (aprox), bastante doada. Visítase o lugar da batalla, o castelo de Pambre (exterior) e o castro de Remonde. Xantar na Eira da Xoana (Ramil, A Golada). Acto informativo sobre a instalación da macrocelulosa Altri na localidade. Regreso a Betanzos sobre as 20h00. Traer comida e bebida. Prezo do transporte 14 € (Socios/as); 17 € (non socios/as); 7 € menores. Preinscrición en roxinroxal.gal antes do 18/04/24. Prioridade socios/as.