A Asociación Cultural Roxín Roxal volveu despois de anos ao Monte do Gato, o referente xeográfico máis importante da comarca, que nos ofrece excelentes condicións para o presente e referencias do pasado. Como na primeira vez, co obxectivo de estudar e difundir os valores arqueolóxicos, ecolóxicos e paisaxísticos deste espazo senlleiro, pero tamén para afondar na seria ameaza á que se ve sometido.
A primeira vista comprobamos nesta visita como as administracións non se ocupan do propio patrimonio arqueolóxico e permiten que o mato oculte unha sobranceira riqueza, contribuíndo con este desleixo ao seu esquecemento e destrución. Canto á sinalización deste, o único panel existente está mal orientado e a súa contorna cuberta polas silvas. Neste momento presenciamos o avance dun proxecto que pretende que unha importante parte do seu territorio sexa ocupada por macroproxectos eólicos de máxima capacidade e rendibilidade para as empresas. Tal empeño amparado pola Xunta de Galicia supón un múltiple atentado contra o ecosistema, o patrimonio cultural e a sociedade. O pretendido megaproxecto converte ao Monte do Gato, conxuntamente coas Brañas do Deo (propostas como LIC para a ampliación da Rede Natura), nunha zona máis de sacrificio no tan castigado mapa galego. Estanse a despregar aceleradamente temibles ameazas de actuacións irreversibles a costa de non respectar as alegacións debidamente fundadas.
Non se poden ocultar as devastadoras operacións que require a construción de accesos e a instalacións de colosais aeroxeradores, así como a desproporcionada área poligonal que vai ser gravemente afectada durante o posterior funcionamento. De tantas consecuencias irreversibles non se informa dende os organismos responsables. Isto vai supoñer grandes impactos que provocan a alteracións a niveis de máxima repercusións xeolóxicas, do solo, da hidroloxía, da flora e da fauna. Alteraríase no seu conxunto todo o ecosistema da comarca provocando destrución de humidais e como consecuencia posibles afectacións no microclima. Engádese ao dito a redución que supón de zonas de pradaría para explotacións gandeiras e para outros pastoreos. Súmase a afectación na saúde da veciñanza, provocada pola proximidade dos propios megaaeroxeradores de nova xeración, de dimensións xigantescas e polas inmensurables redes de alta tensión que recorren milleiros de quilómetros. Nin sequera se teñen en conta denunciadas repercusións acústicas e de certas vibracións, con efectos sumamente daniños tanto para seres humanos coma para o reino animal, tema sobre o que existen investigacións de rigor que o demostran.
Ao estragar unha paisaxe de inmenso horizonte e de recoñecida beleza, prodúcense privacións na calidade básica da vida humana. É cuestión de prioridade a consideración como espazo expansivo de desafogo para a actividade física, para o silencio e o lecer, para todo o que é vital e transcende na saúde mental e emocional das persoas. Atópase en risco un monte considerado unha singularidade xeolóxica, cunha elevada densidade de restos arqueolóxicos, con mámoas vinculadas de xeito espectacular a un conxunto de petróglifos, segundo consta nun estudo de Antón Fernández Malde: Fenómeno tumular e contexto ambiental entre as bacías do Mendo e o Mandeo. Son igualmente de interese primordial as referencias localizadas no ámbito xeográfico desta serra mediante sinaladas investigacións que evidencian a existencia de restos de importantes vías culturais.
Cinco significadas persoas, expertas en economías sustentables, enerxías limpas, medio ambiente e patrimonio, acompañaron un nutrido roteiro organizado pola AC Roxín Roxal para o estudo do único espazo natural emblemático da zona interior da comarca das Mariñas, a declarada pola Unesco Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e de Terras do Mandeo. Estas persoas, cientificamente documentadas e con ampla traxectoria profesional e de voluntariado na defensa dun xusto e equilibrado desenvolvemento do país e do planeta, analizaron in situ o considerable
potencial do territorio que abarca o espazo sinalado do Monte do Gato.
Con exhaustiva análise acadan un enfoque global do tema, contemplando a fondo unha realidade complexa e as consecuencias a curto e longo prazo dunha intervención destrutiva de tal calibre. Trátase dunha ollada global, máis aló da avaricia do lucro económico no que se están cegando políticas apresuradas e abusivas. A raíz desta oportunidade de moverse información sobre un espazo senlleiro coma é o Monte do Gato é digna de coñecer a reacción defensiva que se está a producir neste crítico momento. Temos datos dabondo que nos confirman que se está activando un fervente movemento de xente consciente e sensibilizada que se está a mobilizar na súa defensa. Ao mesmo tempo vivimos no paradoxo de que entes minoritarios do poder político e empresarial teimen en arrasalo sen razóns
asumibles por unha sociedade consciente das derivas de alleados modelos de explotación neoliberal. Como ente sociocultural enraizado no pais galego e defensor do planeta, a AC Roxín Roxal únese ás alegacións xurídicas xa presentadas contra o espolio e a barbarie ecolóxica, ao tempo que defende outras alternativas debidamente referenciadas.
Cos argumentos expostos, recollidos nunha mesa redonda emitida dende a AC Roxín Roxal facemos unha declaración dirixida á opinión pública así como reclamacións aos organismos da Xunta de Galicia responsables da graves decisións que están en xogo. Dun xeito calibrado e comprometido poñemos en valor un territorio que dende a ignorancia manifestada polos órganos executivos da Administración foi considerado baleiro de potencial.
Instamos á Xunta de Galicia a que aprobe definitivamente a ampliación da Rede Natura, declarando novos espazos protexidos e ampliando os existentes. É lamentábel o dato de que Galicia se sitúe nas cifras máis baixas de espazos
protexidos de todas as CCAA de Estado Español e leve un total desfase en relación a Europa. Esta situación vaise agravar moito máis cando se teña que aplicar a Estratexia para a Biodiversidade 2030 da Unión Europea.
Así mesmo, dirixímonos ás Administracións locais dos concellos de Oza-Cesuras, Coirós e Aranga para reclamar unha inmediata e urxente intervención de limpeza e sinalización das mámoas no Monte do Gato actualmente cubertas de toxal ata quedar a maioría delas completamente invisibles. Insistimos igualmente na necesidade da eliminación de eucaliptos, moitos deles até improdutivos, que estragan a grandeza visual dunha paisaxe aberta de campas e praderías á vez que privan de visibilidade para a contemplación das paisaxes extraordinarias que, co seu estratéxico emprazamento, nos pode ofrecer o Monte do Gato.
Ante consideracións de calibre coma as aquí expostas reclamamos unha decidida aposta polo Monte do Gato, igual que por todas as montañas galegas sometidas a semellante ameaza. Denunciamos este sistema de megaexplotación enerxética que contribúen á desfeita do rural galego e provoca un desequilibrador efecto para o desenvolvemento do país.
Roxín Roxal, Maio de 2021
Participaron neste roteiro como persoas expertas:
As biólogas e humanistas Adela Figueroa e Mónica Fernández-Aceytuno, xunto co naturalista Fernando Bandín, o arqueólogo Antón Malde e a veterinaria e veciña da zona Esperanza González. Engadimos a constancia de que, ante o interese espertado pola defensa do Monte do Gato, a AC Roxín Roxal asume a necesidade de repetir o mesmo roteiro para responder á grande demanda, xa que, tanto persoas socias e non socias dende lugares ben distante se desprazan por tal motivo. A data prevista para dito roteiro é o día 19 de Xuño.