Con motivo do 150 aniversario dos Cantares Gallegos ando enguedellado cun grupo de compañeiros e compañeiras nunha grande homenaxe da Coruña a Rosalía de Castro, a única cidade que leva o nome da poeta.
Ademais reivindicamos e celebramos tamén o centenario doutra grande homenaxe coruñesa, a que lle rendeu a cidade a Manuel Murguía, o 17 de maio de 1913, con motivo do seu oitenta aniversario.
Desta iniciativa popular xurdiu o concerto-recital que o Concello e mais a fundación Rosalía organizan para o vindeiro domingo 19, ás oito do serán.
Como adianto, o xoves 16, en Portas Ártabras presentaremos dúas novas edicións de Cantares Gallegos, a cargo de Pepe Barro e Anxo Angueira.
Creo que será tamén un evento importante, cargado de decoro. A edición de Pepe Barro é fermosísima; Anxo Angueira, ademais de erudito, é un gran rapsoda dos versos de Rosalía; e Felipe Senén, o sabio da cidade, quen de nos trasladar a esa Coruña decimonónica, cando a poeta e un home pequerrecho, tocado sempre con chistera -Murguía-estaban a inventar outra Galiza.
Por favor, aínda que non poidades vir, espallade a idea, reenviade a convocatoria aos vosos contactos. Penso que nestes días tristes é importante reivindicar a luz desa Coruña de Rosalía.( e total só acontece unha vez cada 150 anos).
Medre o Mar !
Xurxo Souto
PORTAS ÁRTABRAS,
EL PATITO EDITORIAL
e EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA
comprácense en convidalo/a á presentación de:
Cantares gallegos
de Rosalía de Castro
No acto terá lugar a presentación das edicións de Cantares gallegos
preparadas por Pepe Barro e Anxo Angueira.
Participan: Felipe Senén, Pepe Barro, Fausto Isorna e Anxo Angueira.
Data: xoves, 16 de maio, ás 20:00 horas
Lugar: Portas Ártabras, rúa Sinagoga, 22 A Coruña