Alt Empordà Baix Empordà
En Roxín Roxal, seguindo o modelo da visita de estudo realizada en Irlanda do pasado mes de xullo, estmos a organizar unha actividade semellante en Cataluña para o próximo mes de abril, coincidindo coa semana santa. Esta visita centrarase na comarca do Empordà e terá as seguintes vertentes:
1. Arqueolóxica
· Visita ao poboado ibérico de Ullastret.
· Visita ás ruínas da cidade de Empúries, primeiro colonia grega e despois porta de entrada do imperio romano na península Ibérica.
2. Histórica
· Visita ás poboacións históricas da comarca (Pals, Peratallada, Monells, Canapost, Palau Sator…), verdadeiras xoias do gótico local e testemuñas do período de prosperidade coincidente coa expansión catalano-aragonesa polo mediterráneo.
Pals (foto Digitalfotored) Peratallada (foto Santiago)
3. Etnográfica
· Vivenciación das singulares celebracións de xoves santo na localidade de Verges, coa representación da paixón e a posterior processó nocturna, na que se conserva unha danza da morte desde tempos medievais. Contaremos con expertos locais que nos explicarán a historia desta longa tradición.
Danza da Morte, Verges (foto fiestas.edreams.es)
4. Enolóxica
· Visita a unha adega onde se elabora viño coa denominación de orixe Empordà.
Alén doutras actividades como algún roteiro a pé ou a recreación sobre as figuras do cantante de Verges Lluis Llach e do escritor empordanés Josep Plá, controvertido e multifacético.
Datas: do 4 ao 8 de Abril de 2012. Viaxe en avión até Barcelona e posteriormente en autocar pola comarca.
Aloxamento: En hoteis rurais, na propia comarca.
Prezo: O prezo final dependerá do custe das viaxes en avión, que son variábeis e impredicíbeis. Calculamos un prezo algo superior ao da viaxe a Irlanda, que foi de 375 euros para socios. O prezo definitivo será comunicado aos participantes antes de reservar os billetes de avión.
Prazas: 30. Prioridade socios/as.
Inscrición: Mandar correo a roxinroxal@yahoo.com até o 17 de Outubro. Unha vez confirmada a praza será necesario un adianto de 200€. O resto pagarase antes da partida.