Boas tardes.
Dende Roxín Roxal procuramos apoios para frear o intento de ruta que ocasiona impactos nefastos. Pódecho aclarar a proposta que che envío. Como verás opoñémonos en algúns puntos ao plan que se intenta realizar. Agradézoche que aportes o teu voto entrando no enlace que vai adxunto, e tamén que espalles esta recollida de apoios.
Tal como xa sabes, 8 entidades presentamos un informe de 25 páxinas a distintos organismos públicos informando dos posibles impactos negativos no patrimonio natural e etnográfico da nova ruta Ponte Vella-Campo dos Caneiros, formulando de paso alternativas de menor custe económico que evitan eses impactos negativos.
As entidades que asinaron foron Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Naturalista Hábitat, Plataforma pola Defensa da Ría de Sada e Betanzos, Asociación Ecoloxista Arco Iris, Grupo de Anelamento Hércules, Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal, Asociación Cultural Lar de Unta e Asociación Cultural O Rabo do Galo. Aínda que participaron nas reunións, no último momento declinaron asina-los documentos Adega e a Asociación de Amigos dos Ríos de Betanzos.
O informe pode resumirse en que non se trata dunha oposición frontal ó proxecto, senón a catro actuacións puntuais consideradas lesivas e que teñen fáciles alternativas:
* A construción dunha escollera de granito no río, nun tramo de 27 metros no Regueiro.
* Un recheo por toda a linde do carrizal de San Xiao coa pista asfaltada nun tramo de 700 metros.
* A instalación dunha pasarela pilotada que se interna polo carrizal cunha lonxitude de 120 metros.
* A urbanización da zona de servidume do río de 420 metros de longo entre o paseo da Tolerancia e a fonte dos Ánxeles.
As actuacións realizadas até o momento foron:
21 de decembro: Ruta informativa polo trazado proxectado, na que participaron unhas 80 persoas.
19 de xaneiro: Presentación en rexistro do informe á Dirección Xeral de Conservación, Demarcación de Costas, Augas de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Betanzos e Defensor del Pueblo.
23 de xaneiro: Entrevista co alcalde e tenente de alcalde do concello de Betanzos da mesa do medio ambiente do GDR Mariñas-Betanzos, na que estivemos presentes G.N. Hábitat e O Rabo do Galo. Hai que dicir que a reunión foi cordial e escoitaron con atención as nosas propostas, pero sen formular ningunha promesa.
Se queredes apoiar estas reclamacións podedes participar na enquisa que está a facer a Voz de Galicia, pulsando“Non” na seguinte páxina web:
Por favor, pasade ese enlace ós vosos contactos para que tamén voten.
Sería conveniente que outras asociacións culturais e clubes deportivos de Betanzos expresaran a súa oposición. Tamén os partidos da oposición, pero hai que dicir que entre tódolos que teñen representación no concello soamente un se está a opoñer.
En todo caso O Rabo do Galo xa fixo máis do que lle tocaba. Neste intre, creo que temos que pasa-lo testigo a outros.