Pensas que o mundo comezou o 15-M? Ou na transición? Quizá en maio do 68? Pois non. Había vida intelixente moito antes. Moita, moi boa, moi intelixente… e moi descoñecida. Á beira de nacionalistas como Castelao e Bóveda, de comunistas, de socialistas dos de verdade, de feministas ou de republican@s divers@s, Galiza produciu anarquistas como Ricardo Mella ou o que hoxe nos ocupa, Claro José Sendón.
Claro Sendón nace en Louro (Muros) en 1897 e a súa curta vida é testemuña dunha época crucial e terríbel. Esa vida e esa época son as que desenvolve Pepe Sendón a través dunha atractiva e moi documentada narración audiovisual, coa que Roxín Roxal, na véspera do seu décimo aniversario, volve tocar o apaixonante tema da historia da Galiza do século XX.
Pepe Sendón, sobriño-neto de Claro, é membro fundador da sala NASA e traballou no galardoado grupo Chévere como actor, escritor, músico, tradutor e técnico. Despois da súa versión da obra monologada de Howard Zinn Marx no Soho, presenta Falando Claro, este excepcional documento histórico.