Non ás ameazas de sanción por usar o galego nos sinais públicos!
EN GALEGO, SEN EXCLUSIÓNS
Esta quinta feira (xoves) 23 de maio ás 19 horas na praza do Toural de Santiago de Compostela reclamamos que non se exclúa o galego en ningún sinal público.
O Goberno español ameazou con sancións de 162.000 euros á concesionaria das autoestradas por colocar algúns sinais tamén na lingua de Galiza.
As multas retiráronse grazas á presión social, mais a maioría dos indicadores continúan sen utilizar nunca o galego.
A pesar de que diversas normas legais estabelecen desde hai tres décadas que o galego ten que estar presente nas diversas sinalizacións públicas, son moitos os edificios do Estado (por exemplo, as comisarías da Policía Nacional, as delegacións da Axencia Tributaria, os cuarteis da Garda Civil…), da Xunta (por exemplo, os hospitais) ou a nivel local (por exemplo, no Concello da Coruña) que continúan a excluír maioritariamente o galego. Esta erradicación do noso idioma tamén se produce en moitas estradas, autovías ou autoestradas.
No relativo ás autoestradas, desde A Mesa pola Normalización Lingüística solicitouse en moitas ocasións, ao longo de anos, que se cumprise a Lei e que o galego non estivese ausente. Só en 2010 se conseguiu un compromiso por parte do ministro de Fomento para que se comezasen a rotular sinais no noso idioma; por exemplo, incluíndo a palabra “Peaxe” nas cabinas de pagamento.
Porén, en 2013, o Goberno español, a través da Garda Civil, notificou á concesionaria un total de 54 multas, por un importe de 3.000 euros cada unha, polo feito de que haxa eses sinais na nosa lingua. Argumentan que os sinais en galego non cumpren a Lei e que non tiveron autorización dun superior para a súa colocación. A mudanza, no entanto, realizouse para o galego por indicación do ministro, tras a petición da Mesa, e de acordo coa lexislación. Por exemplo, o real decreto 334/82, promulgado xa hai 31 anos, estabelece que o galego ten que estar presente nos rótulos de “estradas e autoestradas, estacións ferroviarias, de autobuses e marítimas, portos de interese xeral, aeroportos abertos ao tráfico comercial, pasos fronteirizos e demais instalacións ou servizos de interese público xeral”.
Por que o Goberno español fiscaliza e mesmo ameaza con sancións aqueles sinais que si cumpren a Lei, ao non excluíren o galego, e non fai nada para que se inclúa a lingua de Galiza na inmensa maioría dos indicadores, para que así pasen a cumprir a Lei? Por que a Garda Civil, que incumpre a lexislación ao non utilizar o galego como lingua oficial, denuncia a quen si cumpre coa Lei?
Foi grazas á presión social que o Goberno español recuou na súa proposta neofranquista, mais os problemas de exclusión do noso idioma continúan. O galego é lingua propia de Galiza, é lingua oficial desde hai máis de 30 anos, e no entanto continúa a estar fóra de moitos sinais públicos. É tempo de que se corrixa!
Estamos nun momento de involución para os nosos dereitos lingüísticos. Queren deixar sen efecto o recoñecemento do galego como lingua propia e a súa oficialidade. Non lles importa recorreren mesmo á ameaza de sancións económicas, nun estilo que non pode ser cualificado máis que como neofranquista. De nós depende que iso non aconteza!
Cómpre que nos mobilicemos! Por iso, achégate á concentración en defensa do galego que se vai realizar a vindeira quinta feira (xoves) 23 de maio ás 19 horas na praza do Toural de Santiago de Compostela.
Queremos galego!
- Evento no Facebook desta concentración. Axúdanos a difundilo!