O sábado 24 de agosto fixemos coa Plataforma o penúltimo tramo do camiño de Santiago á inversa (percorrido de Hospital ?Dumbría a Corcubión).
A Plataforma comezou este camiño o sábado 13 de xullo na Praza do Obradoiro ás 10 da mañá, onde se leu un pequeno manifesto e os motivos desta forma de protesta, das súas reivindicacións e inquedanzas. Cada fin de semana faise unha etapa do camiño entre Compostela e Fisterra para chamar a atención das administracións, xusto no comezo das clases.
Á Federación de ANPAs da Costa da Morte gustaríanos que fose tan apoiada como foi en Compostela o pasado ano.
Algunha das fotos do penúltimo tramo percorrido:
http://www.flickr.com/photos/95266398@N07/sets/72157635221843945/Como somos xente de palabra, estamos aquí hoxe 13 de xullo para continuar camiño. Un camiño que emprendéramos aquel 14 de xullo dende o monte do Cebreiro, lugar de peregrinación ao Santo Milagre hai xa case un ano. Un camiño reivindicativo en contra dos recortes en educación, na defensa da educación pública, gratuíta, e con garantía de continuidade no tempo, de tod@s e para tod@s.
Continuamos, continuamos ata ?Fisterra?, a fin da terra, como ben di a palabra e crían aqueles de antigo. Ata o fin da terra, si, pero a terra non e plana, é esférica, por iso a enerxía que levamos connosco dende o principio do camiño seguirá circulando e voltará a nós renovada e con máis forza se cabe.
Pois aquí estamos de novo, nais e pais, moitos de nós representantes das ANPAS de multitude de escolas rurais e de montaña, xente comprometida coa educación dende diferentes ámbitos, docentes, educadores, colectivos de fomento do rural, persoas que a nivel individual se unen a nós porque así o senten.
Tódolos que aquí estamos, somos xente con vontade propia, en plenas facultades mentais que somos capaces de tomar decisións á marxe de ?siglas? políticas xa que non é a política partidista o que nos move, como queren dar a entender os que ?gobernan?, si se lle pode chamar así o que están a facer.
Cada un de nós é moi libre de darlle o voto a quen considere, pero cando se trata de unirse nun fronte común aquí nos teñen.
Aquí nos teñen, en defensa do futuro, un futuro que só se pode mudar dende a base, a educación. Unha educación á que os nosos fillos e fillas teñen dereito.
Berramos, berramos forte para facernos escoitar aínda que nos queiran tapar a boca desautorizando as nosas mobilizacións. ¡Para saír á rúa a berrar o que consideramos inxusto, irracional, anticonstitucional e abusivo… non é necesario que nos autorice ninguén…. temos todo o dereito!
O parágrafo anterior vai directamente dirixido á Consellería, en resposta ó escrito que ten exposto na súa páxina Web e que di o seguinte:
?a Consellería quere chamar a atención a respecto de que, como todos os anos, quedaron desautorizados os agoiros dos diferentes colectivos que certificaron a desaparición de escolas que van continuar abertas. Trátase de organizacións interesadas en politizar o ensino, e en crear innecesariamente alarma, malestar e tensión onde non existe, para despois atribuírlle ás súas mobilizacións o feito de que os centros continúen co seu labor docente, continuidade que lonxe de deberse ás súas reivindicacións resulta da simple aplicación dun mesmo criterio de matrícula nos últimos catro anos?.
Os recortes no ensino público (igual que o aumento da dotación para o ensino concertado) son unha decisión política da Consellería, á que respondemos de forma cívica e responsable. É a Consellería a que crea malestar con medidas como o decreto de comedores, a desintegración e peche de centros ou a mingua na dotación económica e de persoal dos centros. É a Consellería a que crea tensión coa súa falta total de diálogo coa comunidade educativa.
Con estas declaracións o que intenta a Consellería é separar ás familias, crear malestar para manexarnos como títeres.
A única maneira de facerlle fronte a este sistema e a unión do pobo. Eles sábeno e intentan coas súas artimañas crear conflito prometendo, “baixo corda”, favorecer a uns en prexuizo doutros.
Estamos fartos de políticas abusivas, enganosas e castrantes de liberdade en tódolos ámbitos, que fan que ano tras ano o rural, e a montaña en maior medida e con máis asañamento, perdan servizos e dereitos. Estas políticas fan que o rural se despoboe cada día mais.
Políticas que nos queren convencer de que o rural e a montaña non teñen futuro nin valor, que o futuro está fóra. Políticas que, no ámbito educativo pretenden desvincular os nosos fillos/as do seu entorno, das súas raíces, da súa identidade.
Os que gobernan queren que a xente crea que vivir no rural ou na montaña non ten futuro, que están acabados.Nada máis lonxe da realidade teñen unha idea equivocada.O rural e a montaña están moi vivos!
Hai unha morea de cousas boas que moitos gostarían de disfrutar como o facemos nos. De sobra está recoñecida a súa gran riqueza paisaxística de flora e de fauna.
Pero como pais,o que realmente nos convence de vivir aquí e poder criar os fillos dun xeito distinto, sen que se lles cren falsas necesidades consumistas, nun entorno saudable en contacto directo coa natureza, coa terra, aprendendo a respectar e valorar o que nos ofrece. Valores imprescindibles para o desenvolvemento dos cativos.Tamén teñen a sorte de criarse rodeados dunha comunidade de persoas que os ven medrar e que acaban tendo un vínculo forte con eles, case coma se foran da propia familia. Así aprenden tamén valores de convivencia e respecto.
Máis adiante cando os nosos fillos/as van medrando os pais temos a tranquilidade de poder deixalos xogar na rúa sabendo que sempre haberá ollos mirandao para eles, e de que se aparece algún foráneo todos están espectantes.
Estas son algunhas das razóns polas que vivimos e queremos seguir vivindo aquí.
¡¡Que non darían moitas familias por poder vir para o rural e poder cultivar un anaco de terra!!…familias que nestes momentos non se sosteñen nas cidades, que fan filigranas para chegar a fin de mes, e que incluso en moitas ocasions dependen da boa vontade das ?ONGs? para darlle de comer ós fillos. E non estamos a falar do mal chamado terceiro mundo senón de aquí pretiño….
Sabemos o que queren do rural, poder dispoñer del como lles pete, facer e desfacer ó seu antollo, madereiras, eólicas, minas….
Pois cando veñan aquí estaremos, de aquí non nos moven, aínda que teñamos que darlle a volta ó sistema coma una media.
Que se deixen de tanta leria, de palabras valeiras que saen a relucir cada vez que se achega o tempo de eleccións. Que cumpran coa súa obriga. Nós temos que cumprir coa nosa pagando impostos para ter todos aqueles servizos que nos están recortando e ós que temos dereito
RECORTES EN PROFESORADO, PAGO DE LIBROS DE TEXTO, LOMCE, REPAGO DE COMEDORES,…. QUE SERÁ O PRÓXIMO?O TRANSPORTE ESCOLAR IMPRESCINDIBLE NAS ZONAS RURAIS E DE MONTAÑA?
NIN UN RECORTE MAIS!!!
ATA AQUÍ CHEGAMOS!!!