O INMATERIAL TEN A PALABRA
No ciclo de charlas de divulgación, no marco da conmemoración do Día do Patrimonio, chega a quenda do patrimonio inmaterial.
Cando hai unha vaga de incendios, cando se producen diferentes agresións no territorio, nunca aparece na lista de “caídos” unha cifra que reflicta o número de lendas , toponimia, mitos, crenzas ou rituais perdidos. Sempre falamos de pedras, árbores, vivendas, pero a perda da memoria do territorio é tan terrible como a perda dos bens patrimoniais materiais.
Recoñecida pola Unesco, a cultura inmaterial forma parte da identidade das nacións e debe ter garantías de protección por parte dos organismos pertinentes. Con todo, a defensa e preservación das tradicións non é unha constante nas accións dos distintos organismos vinculados ao patrimonio. En tempos de globalización é fundamental, identificar, documentar e protexer unha cultura que é patrimonio vivinte. A súa preservación permite manter a diversidade cultural e a creatividade.
Moderará a palestra a nosa veciña e amiga Emi Cagiao da Asociación Entroido de Samede.