Son do ámbito do soberanismo, contan até o de agora co apoio de 23 colectivos sociais e visan como obxectivo a defensa dos intereses nacionais galegos. Mantiveron xa unha reunión exploratoria o pasado 16 de decembro en Compostela e este sábado teñen axendada unha nova cimeira, tamén na capital do país.
É unha convocatoria vocacionalmente aberta a “todas as organizacións sociais” que podan aderir estes principios, segundo o escrito ao que estes colectivos deron luz verde na reunión do 16-D e ao que tivo acceso Sermos Galiza.
A iniciativa parte de sete fundacións do ámbito do soberanismo galego (Artábria, Alexandre Bóveda, Galiza Sempre, Manuel María, Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Vía Galego) e na súa primeira toma de contacto convocou as seguintes entidades: a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña), as Asociacións de Veciñas e Veciños de Agra do Orzán e Oza-Os Castros (as dúas de A Coruña), a Asociación Cultural O Facho (A Coruña), a Asociación Cultural Cultura do País(Lugo), a Asociación Cultural e Musical Solfa (Compostela), a Asociación Cultural O Castro (Vigo), a Asociación Cultural Centáurea (Gondomar), a Asociación Cultural O Galo (Compostela), a Asociación Roxín Roxal (Paderne), a Asociación Cultural Altofalante (Ribeira), a Asociación Cultural Auriense (Ourense), a Asociación de Estudos Galegos, a Asociación Galega de Emigrantes Retornados Marusia, AJA Galiza José Afonso, A Gentalha do Pichel (Compostela), Cultural Aberta (Carral), Confederación Intersindical Galega (CIG), Centro Social Gomes Gaioso (A Coruña), Federación Galiza Cultura, Federación Rural Galega (FRUGA), Mar de Lumes e Sociedade Cultural Medulio (Ferrol).
“A idea”, di a Sermos Galiza Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, “é que o sábado se reúnan aínda máis entidades para pór en andamento a plataforma e comezar xa o traballo de a dar a coñecer polo país adiante”.
Estamos perante a réplica galega da Assemblea Nacional Catalana? “Ben, non sei moi ben como funciona a ANC nen como se estrutura”, afirma Seixo, “esta plataforma desde logo ao que si responde é a propia realidade nacional galega”. Hai dúas razóns básicas que explican o seu aparecimento. A primeira é socio-económica, “a situación interna do país, cos servizos públicos no estado en que están, coas altas cifras de desemprego, co despoboamento, coa emigración da xente moza”. A segunda ten a ver co debate territorial en curso no Estado “e coa necesidade de Galiza ser visualizada, aparecer con perfil propio, nese debate”.
Vía Galega
Xa hai unha proposta concreta de nome para esta plataforma: Vía Galega. A denominación definitiva será aprobada na reunión deste 20X en Compostela, xuntanza que terá lugar na Sede Central da CIG, a partir das 11 horas. Non será o único ponto da orde do día. Os colectivos presentes constituirán o Plenario e a Coordinadora Nacional da plataforma e poñerán na axenda as súas primeiras accións. A nova entidade poderá convocar desde xornadas de debate até manifestacións, “mais nunca entrará na disputa de espazos coas organizacións políticas xa existentes”, esclarece Seixo.
A plaforma -a diferenza de experiencias anteriores como Galiza pola Soberanía– concíbese como un ponto de encontro de organizacións e colectivos sociais. Non está prevista a participación a título individual, embora si se arbitrarán mecanismos para as cidadás e os cidadáns poderen emprestar a súa colaboración. E tampouco está na vontade dos colectivos promotores a inclusión na entidade de organizacións políticas. “O noso campo de xogo é o social”, explica Suso Seixo, quen avanza que a toma de decisións será sempre a do “consenso amplo”. “Non se trata de estabelecer maiorías ou minorías. As cousas ou se farán por consenso ou non se farán”.
E os consensos parten xa de orixe de principios elementais para todo o tecido social nacionalista, soberanista ou independentista: a consideración de Galiza como nación e o seu direito á libre determinación. “Estamos de acordo todas as entidades en construír a nosa acción a partir de acordos básicos aos que se poda sumar o maior número posíbel de colectivos do país”, conclúe Seixo.