Samede é unha aldea da parroquia de San Xulián de Vigo, no concello de Paderne.
Nos anos sesenta do pasado século deixouse de celebrar un Entroido tradicional no que participaban figuras tan singulares como o Policarpio, as máscaras ou os vixigueiros. Un tipo especial de danza, a muiñeira cruzada, era específico dese lugar e desas datas.
Hai cinco anos unha veciña da parroquia, Emi Cagiao, e outras persoas que, como José Antonio Cagiao, participaran nas derradeiras celebracións na súa mocidade, emprenderon a tarefa de recuperar a tradición entroideira. Hoxe é unha das celebracións máis singulares do País. Xunto cos Xenerais da Ulla, o entroido tradicional de Samede é o máis representativo da provincia de A Coruña. Un luxo da nosa bisbarra.
O día 27 de Decembro de 2019 tivemos no nos estudio a Emi e José Antonio e mantivemos unha animada conversa con eles. Presenta María Gutiérrez Calvete.