Descripción
1 e 2 de xuño 2024
Sábado 1: Saída de Betanzos ás 15:30. Roteiro histórico por Caminha. Merenda – cea no furancho Alto da Aldea (Goián). Noite en hotel perto de Valença. Domingo 2: Roteiro “Chandebrito, entre a marabilla e o desastre patrimonial”, guiado polo Clube Espeleolóxico Maúxo. Xantar en restaurante da zona. Visita á Comunidade de Montes de Couso (Gondomar). Regreso a Betanzos sobre as 10:00 horas.
Prezo (transporte, seguro, hotel, visitas guiadas, cea do sábado e xantar do domingo):
Persoas socias: 110 €. Non socias: 130 €. Até 18 anos: 50 €. Roteiro con preinscrición na páxina web roxinroxal.gal. Prazas limitadas. Prioridade soci@s.
Chandebrito é a parroquia máis pequena do concello de Nigrán. Tamén resulta ser a menos poboada e afectada polo turismo de toda a costa sur da Ría de Vigo. A súa estratéxica situación no planalto norte do Val Miñor que domina o inmediato Val do Fragoso -onde se desenvolve a cidade de Vigo- determina unha paisaxe tan espectacular como rica en patrimonios. O roteiro previsto polo Clube Maúxo detense nalgunhas das marabillas naturais e culturais deste territorio, sen esquecer aquelas desfeitas que teñen minusvalorado esta paisaxe de tan antiga como densa historia. A Comunidade de Montes de Couso é sinónimo de xestión, modernización e diversificación. Na procura dun monte que teña un maior valor medioambiental, dun contorno máis respectuoso coas especies arbóreas autóctonas, a parroquia traballa na sistemática e constante eliminación de especies arbóreas invasoras como as acacias ou os eucaliptos. A Comunidade é pioneira nas producións alternativas do monte: framboesa, arando, grosella, castaña, ou a deliciosa variedade de seta “shiitake”.