Sábado, 22 de decembro
O movemento cidadánIn Nave Civitas e a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG) convocan a toda a cidadanía a unha nova xornada cívica de homenaxe a Urbano Lugrís, o gran pintor das cousas do mar.
Na obra do artista agroma un mar sen tempo, onde os elementos coruñeses –Marola, Torre, Orzán- se converten en arquetipos –illa, faro, praia- para nós contar a historia toda dos océanos. A presenza de Urbano Lugrís segue a iluminar as rúas e tabernas da Pescadería, como representante máximo da bohemia. Poderosa humanidade – así o definiu o poeta Antón Avilés de Taramancos- protagonista de moitas historias populares daquela cidade dos anos cincuenta.
Mais tamén, un ano máis, este Día Lugrís ten que ser, desgraciadamente, unha xornada de reivindicación. Lugrís mostrounos un océano máxico, cheo de historias e de misterios inmortalizados para sempre en debuxos, cadros e murais. Admirado por moitos, a súa figura fica esquecida e mesmo algunhas da súas obras palidecen á intemperie. A obra que creou para diferentes locais hostaleiros coruñeses, non goza de protección institucional ningunha. O grande mural da cafetería Veccio da Rúa Real ten un futuro absolutamente incerto. Máis grave é aínda a situación das pinturas que decoraban o antigo restaurante Fornos ( Rúa dos Olmos). Un establecemento actualmente pechado, sen control público ningún sobre estado desas obras.
Ante isto, o colectivo cidadán In Nave Civitas e a Asociación de escritoras e escritores en lingua galegaqueremos removelas conciencias e honrala memoria de Urbano Lugrís coa celabración do III Día Lugrís:
ACCIÓN LUGRÍS, velaí o programa deste ano:
20 horas. Obradoiro submarino: Xuntanza no Obelisco para decorar paraugas con debuxos de peixes. Se chove, faremos da necesidade virtude, e poderemos principiar deseguido, ao son dos gaiteiros, a manifestación atlántica.
20.30 horas. Camarote Lugrís: Intervención pictórica na rúa Mantelería, no lugar onde estivo situado o estudo do artista.
21.00 horas. Habitación do vello mariñeiro. Presentación no Borrazás, café moi querido por Lugrís, do colectivo poético-musical In Nave Civitas, artistas diversos reunido ao redor da condición da Coruña como cidade-barco.
Día Lugrís. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco !
Medre o mar !