queremosgalego@queremosgalego.org
QUEREMOS GALEGO INICIA UN NOVO CALENDARIO DE MOBILIZACIÓNS PARA EXIXIR A DERROGACIÓN DO DECRETO DE PLURILINGÜISMO
Recollerá sinaturas a través da súa páxina web e convoca unha gran manifestación nacional para o 27 de xaneiro.
O 12 do 12 de 2012 ás 12 horas fará unha concentración con “sorpresas” diante da Xunta .
A plataforma Queremos Galego, que aglutina máis de 700 entidades, anunciou hoxe un novo calendario de mobilizacións para exixir a derrogación do Decreto 79/2010 de Plurilingüismo e a elaboración dunha nova norma que teña como punto de partida o Plan de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento no ano 2004.
Queremos Galego xa puxo en marcha unha recollida de sinaturas a través da súa páxina web e fai un chamamento á sociedade para que participe nunha concentración diante da Xunta en Santiago convocada para as 12:00 horas do día 12 de 2012 e nunhamanifestación nacional que sairá doce da Alameda de Santiago o 27 de xaneiro.
Na conferencia de imprensa realizada hoxe o portavoz de Queremos Galego, Carlos Callón, explicou que nas catro sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, logo dos recursos presentados por Queremos Galego, A Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino e a Real Academia Galega, fica claro que este decreto nos seus núcleos fundamentais é ilegal. “O Goberno galego ten que volver á liña que nunca debeu abandonar, a de que os rapaces e rapazas teñan competencia no noso idioma e o galego estea presente en todas as etapas educativas”. Callón insistiu en que á Xunta só lle queda o camiño de derrogar o Decreto.
A portavoz de Queremos Galego Susana Méndez tamén cualificou de “má nova” para o galego a reelección de Jesús Vázquez como conselleiro de Educación e lamentou a “arrogancia e prepotencia” coa que o Goberno galego acolleu as catro sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “O TSXG acaba de facer unha chamada á orde para que cando menos se eliminen artigos que non fan máis que afondar no intento de erradicara lingua galego do ensino”.
Queremos Galego agarda que a mobilización do 27 de xaneiro volva ser un fito histórico e convidan á sociedade galega para que “fale o que fale” amose que o trato que se lle dá ao galego desde que Feijoo é presidente da Xunta non é o adecuado.
Visita a páxina www.queremosgalego.org para veres os diferentes materiais que irán saíndo e axúdanos a difundilos.