Avenida de Lugo 2A, entresollado A,
15702-Santiago de Compostela
queremosgalego@queremosgalego.org
A MOBILIZACIÓN DA SOCIEDADE GALEGA FOI CHAVE PARA QUE O TSXG ANULASE OS PRINCIPAIS ARTIGOS DO DECRETAZO CONTRA O GALEGO
O TSXG ditamina que os principais postulados do PP sobre as linguas no ensino son ilegais
A plataforma cidadá Queremos Galego valora como éxito da sociedade galega, que protagonizou mobilizacións históricas a favor da nosa lingua, a sentenza do TSXG que ilegaliza os artigos máis agresivos contra o galego do Decretazo galegófobo da Xunta.
Queremos Galego quere mostrar a súa satisfacción diante deste logro do que forman parte as máis de 700 entidades sociais que conforman a plataforma cidadá e as miles de persoas que participaron nos diferentes actos e mobilizacións en xornadas históricas de loita contra o desprezo cara á nosa lingua.
A plataforma Queremos Galego quere lembrar en especial ás miles de persoas que colaboraron e que fixeron posíbel o éxito das súas convocatorias: concentracións nas comarcas e localidades, manifestacións masivas que desbordaron calquera previsión, a folga xeral no ensino, actos musicais, sinaturas para promover a ILP en defensa dos dereitos lingüísticos… Aínda sendo moitos destes actos convocados de urxencia e só con horas de antelación, o alto nivel de compromiso da sociedade galega fixo que esta loita contra o decretazo tivese garantido o éxito desde o primeiro momento.
A plataforma cidadá Queremos Galego fai un chamamento á Xunta de Galiza a que exerza as súas funcións con sentido común, a que volte ao camiño do consenso e da normalización do noso idioma, e a que aprenda da lección de dignidade que lle deu o pobo galego nestes tres anos.
Ante as demandas interpostas pola Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, e pola propia plataforma Queremos Galego, o TSXG admite que son contrarios a dereito dous dos artigos claves desta norma legal imposta polo PP contra o criterio de todos os sindicatos, todas as organizacións estudantís, todos os movementos de renovación pedagóxica e (excepto unha) todas as asociacións de nais e pais de Galiza. O aspecto fundamental desta resolución xudicial é que se tomba o artigo 5.2 do decreto, relativo á consulta en educación infantil. O TSXG afirma con contundencia que a Administración non pode “abdicar” das súas responsabilidades e que a elección de lingua no ensino fica “fóra” da “esfera de elección dos pais”. “Non cabe dúbida de que a dita abdicación da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais dos alumnos antes do comezo do curso escolar”, sinala o TSXG. Así, nestes momentos o 96% dos centros de educación infantil das cidades declaran que non utilizan o galego mercé a este artigo, mais a situación muda despois da resolución xudicial. Por iso o galego terá que regresar á educación infantil das cidades.
O TSXG tamén elimina o artigo 12.3 ao que cualifica como “ilegal”, xa que permitirlle “ao alumnado a utilización do castelán malia que sexa o galego a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo, contradí aquel mandato, xa que non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta Comunidade Autónoma desde o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta a propia da área, materia ou módulo”. Hai que lembrar que o principio de que nas materias que se impartan en galego deba utilizarse a lingua galega foi un dos elementos centrais en que se centrou o PP para atacar o decreto de 2007. O TSXG considérao único admisíbel legalmente.
Noutros aspectos do articulado do decreto, aínda que o Tribunal considera que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais, avalía máis decisións políticas cuestionábeis outras das decisións adoptadas pola Xunta.
Pódese consultar a sentenza na ligazón:http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Sentenza+Decretazo+contra+o+galego