Alí estivo Roxín Roxal.
Unha ducia de entidades da Rede do Patrimonio Cultural mantiveron reunións ao longo da mañá do día luns 28 de outubro con todos os grupos políticos integrantes da Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación da CRTVG coa finalidade de falar da súa campaña #QueSeVexaOPatrimonio e transmitirlles as súas inquedanzas ao redor da programación do ente público en relación ao Patrimonio Cultural.
Foron recibidos polos deputados do Grupo Común da Esquerda, Xan Jove e Julia Torregrosa; do BNG, Xosé Luís Rivas; do PSdeG-PSOE, Noela Blanco Rodríguez, e do Partido Popular, Raquel Arias Rodríguez.
Un dos obxectivos da RPC é a promoción e divulgación do patrimonio cultural de Galicia. Nese eido nace a campaña #QueSeVexaOPatrimonio con dúas premisas fundamentais: viralizar a demanda de visibilidade dos diversos patrimonios que defenden as Asociacións, Colectivos e Fundacións adheridas e ter encontros coa Comisión do Parlamento e coa Directiva do ente público. Coa Comisión por ter a potestade de ser, por lei, “quen exerce o control da actuación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das súas sociedades […] velando polo cumprimento efectivo da función de servizo público, definida e encomendada á CRTVG.”Coa directiva da CRTVG porque, tal e como lembran as entidades adheridas a RPC, a lei orgánica de 1984 de creación da CRTVG establece no seu primeiro artigo a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso do patrimonio cultural.
A RPC celebrou nos tres encontros cos grupos parlamentarios, algunha das novas propostas de programación, pero salientou a necesidade de dar visibilidade, non só ao grande patrimonio, senon tamén ao descoñecido, ao que ten máis perigo pola súa invisibilidade.A posta en valor, o presumir do “noso”, constitúe unha ferramenta fundamental na conservación e preservación do patrimonio. Nestes tempos é sabido que o que non se ve, ben pode non existir.Cómpre amosar o patrimonio dende unha ollada agarimosa, sentíndoo cultural como un dos principais activos sociais, identitarios e económicos de Galicia e, polo tanto, como un recurso estratéxico para a sociedade galega contemporánea que debe ser conservado e transmitido, nas mellores condicións, ás vindeiras xeracións.
É obriga dos medios públicos facer a devandita difusión, con rigor, nun horario non marxinal e xerando contidos que docentes e alumnos poidan gozar nas aulas mediante as novas tecnoloxías.As entidades da RPC están preparando xa a celebración do Día Internacional do Patrimonio o 16 de novembro e agardan chegar á mesma non só co interese no seu labor dos diferentes grupos políticos da Comisión de Control (aos que agradecen os enriquecedores encontros da xornada), senón tamén co obxectivo da entrevista coa dirección do medio público cumprido.Nun momento nas que as televisións públicas de Europa, France TV, BBC, RTÉ de Irlanda son claras preceptoras da súa identidade patrimonial, dende a Rede do Patrimonio queremos sumar as nosas forzas, porque non queremos ser menos.