Será o sábado 3 de xullo en xornada de mañá. Xunto a varias asociacións da zona, Roxín Roxal convoca esta andaina informativa, reivindicativa e lúdica na que estarán presentes os mesmos protagonistas do roteiro do pasado 2 de maio, ao que moitas persoas non puideron asistir debido ás limitacións da pandemia. A camiñada será unha nova acción reivindicativa deste espazo natural ameazado pola ofensiva eólica.
Contamos para o cartaz anunciador coa colaboración do ilustrador Xoán Andrade, entrañábel amigo e socio de Roxín Roxal. Xoán representa a moura do santuario rupestre da Pena Furada escandalizada pola presenza de xigantescos aeroxeradores na súa contorna.
É unha actividade aberta, sen necesidade de inscrición. Comezará ás 9:30 horas no mesmo Monte do Gato, perto da antena de Sanmil. Opcionalmente poderase asistir á concentración previa diante do Concello de Oza dos Ríos, ás 9:00 horas, desde onde se partirá en coches até o lugar de comezo da andaina. A marcha contará coas medidas preventivas derivadas das normas vixentes na data sobre a Covid-19. Dificultade media, 9 km. Levar protección solar e un ou dous apoios para camiñar!